Os ciclistas do Karpin Galicia non están a obter bos resultados na 65 Volta á Comunidade Valenciana. A terceira etapa, con saída e destino en Vilareal, tivo como vencedores os dous corredores italianos que xa se están a consolidar nos primeiros postos da clasificación: Daniele Bennati, do Lampre-Fondital, e Alessandro Petacchi, do Team Milram. O primeiro do club galego foi Gaizka Lasa, co mesmo tempo ca Bennati, 3 horas, 33 minutos e 30 segundos, e o posto 27.
Gaizka Lasa
O seguinte ciclista do Karpin en chegar á meta foi Ezequiel Mosquera, vixésimo noveno. Malia isto, mantense como o primeiro do club galego na clasificación xeral: é trixésimo segundo, a 24 segundos do líder, Daniele Bennati. Máis abaixo está Gustavo Domínguez, no posto 59. A próxima tirada, o venres 2 de marzo, disputarase entre Albaida e o alto do Campello, cun percorrido de 162 quilómetros.