VIGO DENUNCIA = Cidadanía de Vigo
Nestes días estivemos traballando na rede para saír do "ostracismo".
Era a condea que lles esperaba a aqueles gobernantes que mintían aos seus concidadáns na vella democracia de Pericles; se a traizón permitíalles salvar a vida, a Polis non consentía que voltaran poñer os pes nas rúas de Atenas.
Condeados a vagar de polis en polis buscando apoios para sobrevivir ou alianzas con outros traidores e reos de similares delitos: prevaricar, ditar resolucións perxudiciais para a cidadanía de Atenas á mantenta, tirar proveito das campañas militares ou vender información aos inimigos da Cidade...era o peor que un grego podía facer na súa vida.
Seica hoxe esto sería o normal nos cargos políticos da Cidade: tirar proveito persoal ou partidario do poder que se ten para tomar decisións que comprometan gravemente o futuro da polis ou mesmo a calidade da vida que ofrecen as polis contemporáneas...
O ostracismo volveuse manso e revirouse contra a cidadanía. Se calquera cidadán osa tomar a palabra na asamblea para denunciar o abandono das funcións propias dos cargos públicos, as resolucións indignas que deterioran a vida da cidade, os pequenos negocios que se fan á sombra do interés público... ou mesmo para comunicar unha queixa ou unha simple preocupación polo rumbo que está a tomar o Goberno da Cidade...entón, sen mediar palabra, convírtese nun cidadán odioso porque sinala os aspectos indignos da cidade en lugar de aplaudir aqueles outros que poideran servir de timbre de gloria para partidarios dunha ou doutra facción que goberna a Polis.
Non eres desterrado a vivir fóra da Cidade pero é coma se non viviras nela: ninguén che vai dar unha oportunidade para o intercambio de opinións (eres un cidadán pouco aconsellable para triunfar na moderna polis), ninguén vai tomar partido polo disidente, por quen sinala co dedo impúdico as vergoñas que nos fan enroxecer a tódolos cidadáns da república.
Velaí o moderno ostracismo que non precisa de xuízo algún nin siquera de brazo executor da lei porque antes de calquera xuízo a sentenza está ditada e a condea cumprida de vez! Quedas convertido en persoa non grata aos ollos da maioría que seguirá a mirar sempre para o outro lado, o lado do poder que mira cara arriba para non ter que ver o que á diario temos diante dos ollos.
¿ Podemos sair do ostracismo ? - Podemos.
É tan sinxelo coma rexistrar un nome virtual (o nome dos soños) nun lugar tamén virtual (o lugar dos soños), tan sinxelo coma dicir nese lugar todo o que non podes dicir na Asamblea da Cidade porque, en primeiro lugar, non te deixan falar, e ainda que te deixaran facelo tomaríante por un tolo ou unha persoa puco recomendable...
Dende hoxe tes un lugar na Rede para sair do ostracismo.
Só tes que volver soñar cunha cidade de homes e mulleres libres, na que niguén é máis ca outro, na que a Cidadanía ten os mesmos dereitos a falar e a denunciar canto queira... onde tes o dereito a soñar desperto cun futuro mellor para os teu fillos, para os teus netos, na cidade na que naciches un día e na que hoxe vives coma se foses un meteco.
Visualizar Mural VIGO DENUNCIA