Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rexeitan a presenza dos exércitos dos EUA, e a visita de Uribe, nos estados de América do Sur

    A viaxe do presidente Colombiano Álvaro Uribe polas nacións de América do Sur, adiantándose á xuntanza do UNASUR o vindeiro dez de agosto, produciu unha vaga de marchas de protesta. Os estados latinoamericanos refugan co acordo do goberno Colombiano para-la montaxe de sete bases do exército dos EUA nos diversos emprazamentos do seu territorio. Tamén está producindo mostras de noxo noutros xefes de estado da rexión, o presidente de Venezuela Hugo Chávez, mailo ex presidente da república de Cuba, Fidel Castro.

Enviada por NorbertoVarelaCalvo NorbertoVarelaCalvo o 07/08/2009 01:11

  A viaxe do presidente Colombiano Álvaro Uribe polas nacións de América do Sur, adiantándose á xuntanza da UNASUR o vindeiro dez de agosto, produciu unha vaga de marchas de protesta onte na Arxentina na praza de maio, na cidade de Bos Aires, a carón do pazo presidencial e no Uruguai na cidade de Montevideo. Nas dúas cidades xuntáronse distintas organizacións de loita polos dereitos humanos, mailo xulgamento e castigo aos responsábeis dos crimes e das desaparicións forzadas das persoas no tempo da ditadura, así como os movementos polas vítimas dos crimes de estado en América Latina.

Hoxe na república irma de Chile, fronte á chegada do visitante, o movemento Chileno de solidariedade cos pobos MCSP, chamou a unha xuntanza preto do Pazo da Moeda, sé do goberno chileno, onde rexeitaran a presenza do xefe do estado Colombiano. Segundo a organización que pon na palestra cal é a verdadeira razón desta viaxe agochada debaixo dunha visita de agarimo, e na busca dun aceno dos estados latinoamericanos na política que leva adiante o estado Colombiano, co acordo do Congreso, para-la ensamblaxe de sete bases do exercito dos EUA nos diversos emprazamentos do seu territorio.

O MCSP, salienta que o goberno Colombiano tenta espallar a pegada dunha suposta vantaxe da instalación das devanditas bases ianquis no solo colombiano, por mor da guerra contra-lo narcotráfico e o exército guerrilleiro das FARC, e dese xeito deixa que as forzas ocupantes desenvolvan axexantes a súa tarefa de represión e a aldraxe coa inestabilidade dos movementos populares colombianos, maila agresión á liberdade e a seguridade dos pobos da veciñanza, que loitan polo artellamento do seu futuro independente e soberano.
 
Aínda subliñan o xeito que estas primeiras instalacións son o punteiro dunha vindeira onda de agresións ao pobo da república de Venezuela, mailos los países do ALBA, alianza Bolivariana para os pobos da América Latina, e fan unha chamada á tradición liberdaria da colectividade latinoamericana estudantes, traballadores e pobos indíxenas, coa finalidade de arrepoñerse a estes feitos criminais e impedir que os gobernos, co apoio da oligocracia, púñanse de costas aos procesos democráticos dos pobos americanos e deixen ceibar o intervencionismo político e militar do imperio do norte.

No entanto que na xira o presidente Colombiano está recollendo o xuízo critico e as inquedanzas da meirande das xefas e xefes de goberno aos que visita, que malia acoller ao viaxeiro, fan fincapé que a presenza de preto de mil quiñentos militares, avións de espionaxe, etc. xaora non baixan os decibeis dun posíbel conflito na rexión e pon en risco as relacións cos países da contorna.

Tamén está producindo mostras de noxo noutros xefes de estado da rexión, o presidente de Venezuela Hugo Chávez alporizado polos feitos, arremeteu con carraxe contra-lo mandatario Colombiano e avisou que a montaxe das bases militares dos EUA, algunha delas na raia co estado Venezolano, podería ser o comezo dunha guerra en América do Sur, e cualificou aos ianquis como a nación con máis agresividade do mundo.

O ex presidente da república de Cuba Fidel Castro, nun artigo no xornal Granma, salientou que as sete bases militares dos EUA semellan sete coiteladas no corazón de América, máis unha dor de cabeza para os estados democráticos da rexión. A presenza dun imperio fornecido cos aparellos de guerra máis complexos na terra, o mar e o ar, é o pesadelo máis relevante que pode aturar calquera goberno sexa de esquerdas, centro ou dereitas, teña ou non aliaxe cos EUA, asegurou o líder cubano.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: