Na reunión mantida no medio día de onte, venres día 5 de xuño, Cristina Fabeiro Varela (Subdirectora Xeral de Creación e Difusión Cultural) transmitiulle á Federación Galega de Bandas de Música Populares que, pese á "vontade" do novo executivo, a Consellería de Cultura e Turismo non se fará cargo do proxecto de actividades que a FGBMP tiña previsto para o actual exercicio e que quedaran xa pactadas co goberno do bipartito. Nunha reunión no que o tema central foi o III Certame Galego, Cristina Fabeiro non deixou claro en ningún momento se algunha das actividades tería continuidade excusándose coa crise económica e cos recortes que se están a efectuar dende a Consellería de Facenda. Con todo, non negou que os presupostos da Consellería seguen a ser elevados. Dada a necesidade de publicar as bases do III Certame Galego para que os prazos establecidos se cumpran sen ningún imprevisto, a Federación Galega de Bandas esixiulle ao executivo unha resposta inmediata sobre a continuidade do que veu sendo, nos dous últimos anos, o evento máis importante das bandas galegas non só pola súa repercusión durante os tres días de participación (arredor de mil músicos e máis de 3000 espectadores), senón pola repercusión que comeza a darlle ás bandas galegas a través de Internet onde a canle en youtube da FGBMP xa sobrepasa as 72000 reproducións de videos. Fíxoselle saber tamén, que é a Xunta de Galicia o organismo máis importante e competente para formar aos músicos, músicas, compositores e compositoras galegos e galegas e desenvolver e ampliar a importancia que as bandas galegas teñen dentro da propia cultura galega, pero tamén no exterior. A Subdirectora Xeral non confirmou tampouco se a Xunta de Galicia subvencionaría o II Concurso Galego de Composición do cal se presentaron as bases o pasado mes de febreiro co apoio da antiga Direción Xeral de Creación e Difusión Cultural na que Luís Bará estaba ao mando. En canto ás outras actividades (a Banda Sinfónica, os festivais, a participación no exterior e o campus musical da FGBMP) a penas gozaron de interese durante unha reunión que se pode definir como de incerteza absoluta. Situación que dende a Federación Galega de Bandas de Música Populares esperemos que se amañe de contado pero para a cal, todos e cada un dos músicos e músicas temos que tomar consciencia da importancia da labor que desempeñamos na formación de novos e novas profesionais e no desenrolo da nosa cultura e facerlla chegar aos equipos do goberno que son os únicos coa competencia económica e a obligación social de levar estes proxectos para diante.
(Texto íntegro tirado da páxina web da FGBMP)