Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roteiro en defensa da Ría de Vigo. A RÍA NON SE VENDE!

Unha marcha a pé en catro etapas que percorrerá a nosa ría desde Cangas a Monteferro, organizada polos colectivos integrados na Plataforma A RÍA NON SE VENDE (*), do 11 ó 14 de outubro de 2007, como chamada de atención ante os graves problemas medioambientais que este espazo ten prantexados.

Enviada por taurozen taurozen o 09/10/2007 11:35

A constante construción de recheos, portos deportivos, peiraos e outras modificacións artificiais da costa, están producindo un grave dano ó delicado equilibrio ecolóxico da Ría, que significan a destrución do noso principal recurso natural, a riqueza marisqueira e pesqueira do Mar de Vigo, un patrimonio común que estamos poñendo en grave perigo. Isto supón, na práctica, a privatización da nosa costa ó arrebatar á cidadanía espazos de lecer e natureza que por lei lle pertencen.
As rías galegas, pese á súa pequena extensión, contan entre as zonas de máis alta produtividade primaria oceánica do mundo. A explotación desta característica por parte da flota de baixura, marisqueo artesanal e cultivos mariños (mexillón en bateas, granxas mariñas, etc.) xeran na ría de Vigo entre 7.000 e 10.000 empregos directos.
Día 11 MOAÑA – CANGAS: Saída da Estación Marítima de Moaña ás 17:00 horas. Percorreremos a costa ata chegar a Cangas e rematará no Salgueirón (Massó) arredor das 20:00. Será guiado e comentado por Cándido Martínez do colectivo Luita Verde. Como fin de etapa celebraremos, cunha pequena gran festa, os dous anos (recentemente compridos) da resistencia contra a urbanización e o porto deportivo de Massó.
Día 12 VILABOA – REDONDELA: Saída de Vilaboa (marquesina Mercamueble) ás 12:00 horas, visitando as antigas salinas e a marisma, para chegar a Arcade sobre as 14:00. Alí farase unha parada para xantar, partindo de novo ás 16:30 desde o porto de Arcade para chegar a Redondela a tardiña.
Día 13 REDONDELA – A GUÍA: Saída ás 11:00 horas desde debaixo da ponte de Rande. Tras pasar por Aucosa, Frioya e Pescanova chegaremos á ETEA, para seguir polo cortalumes usurpado polo porto deportivo ata chegar a Punta Lagoa sobre as 14:30. Comida festiva e de confraternidade organizada pol@s compañeir@s do Centro Social Caleidoskopio.
Día 14 BOUZAS – MONTEFERRO: Saída ás 10:00 horas desde a Praia do Adro, Bouzas, para chegar sobre as 13:45 á Praia das Canas en Nigrán. Alí seremos recibidos por grupos de gaiteiros, percusionistas, malabares e outras xentes de mal vivir para subir tod@s xuntos, en gran rebumbio, ata Monteferro onde celebraremos o xantar anual de Salvemos Monteferro compartindo o que leve cada quen . Se o tempo é malo temos reservado o Pavillón de Deportes de Panxón para seguir a festa ata a tardiña.
(*) A RIA NON SE VENDE somos: Foro Social de Cangas, Luita verde, Plataforma defensa Enseada San Simón, OARedondela, Voces Litoral Teis, Verdegaia, CS A Revolta, CS Faísca, Salvemos Monteferro, Bouzas Móvete, GAS Vigo, Caleidoskopio.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Roteiro en defensa da Ría de Vigo.  A RÍA NON SE VENDE!