O cantautor sadense Paris Joel é o primeiro participante na segunda edición de A Polo Ghit. A convocatoria para atopar a canción galega do verán estará aberta até o 21 de xuño, día en que comeza a estación máis calorosa do ano. Aínda así, o concurso propiamente dito, coa publicación das candidaturas para que o público vote, arrancará o 5 de maio.
Paris Joel recunca no concurso organizado por Vieiros e a Radio Galega. Se no 2006 a súa proposta fora Non quero durmir, este ano preséntanos un tema con denuncia social: Bicefalia. “Coa típica retranca galega, reflicte a vergoñenta situación do noso país onde, por desgraza, o caciquismo, antes conservador, agora xa está globalizado”.
Bicefalia (Paris Joel) Meu primo que era fontaneiro
No reino de don Manuel
Agora está cabreado
Porque non o atende ninguén.
Marita que era unha larchana
Non tiña moito aquel
Agora que é de Quintana
Todos din que está moi ben.
Bicefalia animalia
Na Galiza insolidaria
Se desto queres comer
Terás que dicir de quen es.
Bicefalia animalia
Na Galiza insolidaria
Aquí tes o meu carnet
Agora pódesme atender? Quitamos da tele a Piñeiro
Agora retorna outra vez
Facendo un dúo con Lodeiro
Cantando e bailando break dance.
Na tele na radio e na prensa
Non queremos máis a ninguén
Con Xurxo Souto ben nos chega
Queremos bravú todo a cen.
A Cruña será terra santa
Da man de sir Paco i olé
O tema vai ser ir a Sada
En coche, en taxi ou a pe.
Como non axude o Papa
Santiago ou mesmo Iavé
Isto vai a ser reino taifas
Un puzzle coma un xedrez.